O xogo consiste en idear historias imaxinadas sobre o carneiro de Ribadeo

, xogando co feito de que non coñecemos a súa orixe nin procedencia con total seguridade, xa que, como pasou con moitos outros obxectos arqueolóxicos de alto valor material, chegou ao museo a través do tráfico de obxectos e non como froito dunha investigación arqueolóxica

Ratio: Visita tipo.
Xogo a realizar na zona de didáctica do museo
Duración aproximada: O tempo adecuarase ás características do grupo.
Orientado: A escolares de primaria e secundaria e grupos doutros colectivos.

Materiais necesarios
– Unha recreación da cabeza do carneiro de Ribadeo feita en papel maché ou noutro material pouco pesado e resistente- podémola facer o equipo da mostra- .
– Información, en forma de ficha básica da peza, incidindo na peculiaridade que supón este achado, sen datación e tipificación concreta, e froito do tráfico ilegal de arte.

Dinámica do xogo
As persoas participantes teñen que ler a priori información básica sobre a peza Carneiro Alado de Ribadeo para a realización do xogo cabeciña voadora:
Convídase a unha das persoas do grupo a poñerse a réplica da cabeza do carneiro de Ribadeo –tal e como se imaxina a artista Ana de Matos que farían os usuarios/as das súas máscaras na obra Bestiarium–. O resto das e dos participantes son convidados a facerlle preguntas que atinxen á súa identidade, orixe, función… como: de onde ves?, qué es?, para que serves?, de qué material estas feito? A persoa coa cabeza de carneiro contestará a estas preguntas, combinando os datos reais sobre o achado con respostas tiradas da súa fantasía. Ao rematar a rolda de preguntas, debe poñer a cabeza sobre outra das persoas que están xogando e esta será a que contará a historia do carneiro usando como base as respostas escoitadas. A dinámica repetirase á discrecionalidade da persoa que dirixa o xogo.
No caso dos centros de ensino, propoñemos que se planifique a visita a priori na aula. Sería ben implicar por igual aos departamentos de plástica, coñecemento do medio e lingua, no caso de ensino primario. A información necesaria para preparar o obradoiro será facilitada polo equipo da mostra á area de didáctica do museo, que lla facilitará á súa vez aos centros de ensino.
A actividade pode completarse coa realización de microrrelatos con texto e imaxes, creados polo grupo logo da visita ao museo. As creacións dos alumnos e alumnas serán penduradas na web da mostra.