NILO ARIAS

Abre a mostra a instalación de Nilo Arias, Pendente, 1996- 2016, proxecto específico creado para a mesma, formada por unha grande peza escultórica e dúas creacións videográficas. A obra está despregada sobre unha estanza a modo de cubo negro, tal e como nos atoparemos a Colección de Ourivería Gil Varela.

Nilo Arias intervén o espazo dedicado a mostras temporais do museo, creando unha vitrina permeábel onde o público pode convivir e empatizar coa peza exposta, mesmo fisicamente. Arias, bríndanos a súa particular evocación da peza icónica da prehistoria galega a nivel popular: o torques, da súa man, a modo de brinco sobredimensionado. A peza, destaca sobre as paredes e chan negros da sala, e conecta, mais só formalmente, coa museografía da sala que aloxa a colección de ourivería Gil Varela.

A fisura no discurso tradicional da museoloxía arqueolóxica ven dada polo forzado cambio de escala que provoca a veciñanza coas pezas, a mais da tenencia dunha cronoloxía inexacta, para unha peza de arte contemporánea. Arias, nun exercizo de arqueloxía da cultura material propia, pon en valor unha peza creada nos anos noventa. O contido identitario co que foi creada daquela a peza, serve para reactivar un debate moi acaído na actualidade.

A instalación escultórica está completada por dúas pezas de vídeo, feitas a modo de estudo visual da escultura. Unha delas converte en debuxo dixital, quizais o debuxo arqueolóxico do futuro, o “pendente –torques” facendo un despregue pseudocientífico das súas partes, mais, recreándose, acariñando formalmente o creado. O outro vídeo desvela “o funcionamento real” da peza creando unha recreación do pasado da mesma, ou tamén quizais unha promesa de futuro.

Deixa ás persoas visitantes que imaxinen a peza en movemento neste locus expositivo: o museo. O pendente oscila arriba e abaixo buscando os seu propio equilibrio.
As pezas de Nilo Arias, aluden directamente á busca da substancia do corporal e o psíquico no “Ser”; fuxindo do dualismo escolástico, persegue esta unión utópica que o mergulle nun estado próximo á ataraxia. Esta busca, baseada na compresión do proceso de creación como vivencia, é laboriosa, teimuda, metódica, e enarborando unha lexitimidade cuasi–científica que aparece sempre representada na obras como idea central.

Fisuras na vitrina_03
Fisuras na vitrina_04
Fisuras na vitrina_05
Pendente
Instalación
Escultura: aceiro dourado, ferro e latón
2,50 x 4 m
nilo01
nilo03
nilo02
nilo04

Deseños dixitais: medidas variables
Vídeo, loop
1995-2016
(móstranse 4 imaxes e 1 min. do vídeo orixinal)