Durante o mes de abril, na liña marcada pola actividade de Pecha Kucha proxéctanse dúas charlas
. Unha sobre a colección Gil Varela e outra sobre o colecionismo e o proceso de creación da alma mater da Gil Varela, a colección Blanco Cicerón. Neste caso o matiz diferenciador que vai a apartar estas charlas da liña académica tradicional vai vir dado pola óptica coa que se van explorar ambas temáticas.
Xunto a Raquel Casal, catedrática hemérita de Prehistoria da USC, seremos quen de transcender os procesos históricos dos que nos falan estes obxectos para encararnos coa súa historia mesma, co seu particular viacrucis, ese, case sempre estraño, percorrido polo que pasaron moitas das pezas de ouro dende que se atoparon ata que acabaron formando parte dunha colección. As dificultades que sortearon na súa fuxida do implacable crisol do prateiro e os lugares sorprendentes que visitaron. Unha metahistoria construída sobre a etérea estrutura da memoria oral, un anecdotario sorprendente que cohabita coas lendas que rodean os xacementos arqueolóxicos galegos.
Fernando Acuña, catedrático hemérito de Prehistória da USC, vai abrirnos as portas da trastenda da colección Blanco Cicerón, poderemos observar o complexo sistema de formación dunha das coleccións máis importantes que existiron en Galicia, poderemos seguir a correspondencia, as negociacións, as compras ou as cartas dos investigadores solicitando visitar uns materiais envexados, no momento, por museos da talla do Louvre ou o British Museum.
Aforo: adaptada á capacidade da sala
Orientado: a calquera persoa interesada no tema
Duración aproximada: a charla está programada para 1 hora de duración, pero vai a adaptarse á curiosidade e interese do público asistente.
Raquel Casal: 8 de abril ás 20:00 horas.
Fernando Acuña: data por deteminar.