PROPOÑÉMOSVOS UN EXERCIZO DE ARQUEOLOXÍA FICCIÓN :::::::::::::::::::
As pezas, non arqueolóxicas da mostra van ser comentadas tal que achados arqueolóxicos
:
Percibidos cos ollos técnicos da erudición, esquencendo que se trata de obxectos artísticos, como se en realidade acabasen de ser desenterrados…… ou aínda mellor, atopados casualmente xunto a un xacemento arqueolóxico.
A PÁXINA ESTÁ ABERTA ÁS VOSAS ACHEGAS :::::::::::::::::::::
Pendente 1996- 2016. NILO ARIAS, por María Xosé Bóveda
“Pendente” de Nilo Arias invita, segundo depositamos a mirada sobre ela, a pensar no gran torques de Burela, pero a súa desmesura, que sobrepasa a escala humana, afástao, aínda máis que no caso do torques lucense, do funcional, daqueles materiais tradicionalmente asociados ao mundo do adorno, para conectalo co retrincado universo do simbólico.
Os colares ríxidos, coma este, formados por una barra metálica, con dous remates nas esquinas e flexionados en forma de C aberta, son un adorno habitual na idade do ferro galaica. Están deseñados para levar no pescozo, deixando os remates pendendo sobre o peito.
Esta peza non respondería a ningunha das tipoloxías clásicas do noroeste da península Ibérica descritas por numerosos autores, como Florentino López Cuevillas. Poderiamos chegar a establecer un certo paralelismo cos torques do tipo ártabro, pese a que neste exemplar os remates en perilla estarían substituídos por esferas lisas, e o tradicional arame enrolado pasa a formar parte da estrutura de subxección da peza, formando un sistema resorte que unido ao enganche o relacionaría ata certo punto con algunhas fíbulas de arco de dobre resorte.
Teríamos que mirar cara o norte, en dirección ao mundo hallstático para atopar tipoloxías máis coincidentes coa que presenta esta peza. Destacando, pola súa similitude, o torques de Vix, peza para a que paradoxalmente algúns autores como Bárbara Ambruster apuntan influencias ibéricas.
Pero o torques de Nilo Arias non pode considerarse como un adorno, transcende ese concepto e supera tamén o de distinción militar ou premio ao valor guerreiro que numerosos autores, amparándose nas fontes clásicas, outorgan a estas pezas. Estamos ante un obxecto que entronca co espiritual, coa visceralidade do acto sacrificial do que nos falan os pequenos torques das decoracións das machadas votivas, como a de Cariño, ou o colar ríxido que porta na súa man o ser cornudo que nos mira dende o caldeiro de Gundestrup.